Thursday 09 de May de 2024

Cheo absoluto na inauguración do Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón


Máis de 200 persoas acudiron á Casa da Cultura de Camporrapado para veren actuar ao Grupo de teatro de maiores boqueixanés

O Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón iniciou onte a súa andaina cun cheo total. Máis de 200 persoas acudiron á Casa da Cultura de Camporrapado para veren o pase da obra Urxencias, representada polos integrantes do Grupo de teatro de maiores do municipio. Unha cita que causou moita expectación e que acadou os aplausos dun público entregado.

O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín; o delegado da Xunta de Galicia na provincia de A Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e outros membros da Corporación local, non se quixeron perder esta actuación. Todos eles gabaron o esforzo e o bo facer dos integrantes do Grupo de teatro de maiores de Boqueixón, que levan traballando arreo máis dun ano para representar esta peza cómica ante o público.

Un total de 25 actrices e actores afeccionados participaron na posta en escena desta obra que, a través da parodia, recrea as situacións que se viven nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar. O texto está baseado en parte na obra de Suso de Toro Servizo de Urxencias e a coordinación técnica desta peza correu a cargo de Arelar.

Sesións todos os domingos de novembro

O Ciclo de Teatro de Outono de Boqueixón encherá todos os domingos de novembro coas artes escénicas. Así, as sesións continuarán os días 4, 11, 18 e 25 de novembro na Casa da Cultura de Camporrapado a partires das 18.00 horas. A entrada é de balde.

As obras que se representarán nas próximas xornadas do Ciclo de Teatro de Outono son as seguintes:

• 4 de novembro: Grupo de Teatro Licor Café de Cabanas, que porá en escena Dous ligues para unha noite.
• 11 de novembro: Teatro da SCR A Pombiña de Narón, coa súa peza Reinserción.
• 18 de novembro: Grupo municipal de teatro de Ribeira, que representará Cousas de Castelao.
• 25 de novembro: Grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra, que ofrecerá a súa obra Contos de zapatilla.

Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza a asistiren a este Ciclo de Teatro de Outono. Unha oportunidade única para achegarse ás artes escénicas da man de grupos amateur.